domingo, 19 de junio de 2016

19 de xuño, 12:00h - Manifestación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas - Ferrol

Dende a Plataforma Comarcal de Ferrolterra da Rede Galega Apoio ás Persoas Refuxiadas chamamos á participación na manifestación convocada para o día 19 de xuño ás 12:00h. A saída terá lugar da Praza de Amada García (fronte o Edificio da Xunta, zona Praza de España), rematando na Praza do Cantón.




Que denunciamos?

A coñecida como crise das persoas refuxiadas é, en realidade, unha crise humanitaria, resultado dunha sucesión de conflitos armados, guerras e inxerencias externas e da ausencia total de responsabilidade por parte dos nosos gobernos, quen responde coa mesma lóxica das concertinas en Melilla ou da violación continúa de dereitos humanos nos CIE. Estamos ante unha crise de humanidade e solidariedade. Unha barbarie.

Mediante o acordo entre a UE e Turquía asínase a expulsión de tódalas persoas chegadas irregularmente ás costas gregas a cambio de traer dende Turquía outras tantas. A expulsión farase sen importar a idade, a nacionalidade, as súas circunstancias persoais ou o motivo que lles obrigou a estas persoas a fuxir do seu país. O acordo é inmoral pero tamén ilegal, a súa aplicación práctica vulnera a normativa europea e internacional. Se non se reverte a situación agravarase e seguirá poñendo en perigo ás persoas, especialmente aos colectivos máis vulnerables, moi especialmente nenos e nenas, mulleres e persoas enfermas ou con diversidade funcional.

Por isto esiximos a súa derogación e a garantía de rutas legais e seguras sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais, directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio; e o respecto dos dereitos humanos nas fronteiras.


Que demandamos?

Ante esta grave situación demandamos ao goberno estatal, á Xunta de Galicia e aos gobernos locais:

  • A ampliación e axilización do sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e en Galicia pendentes de ser atendidas.
  • Aumentar a sensibilidade á hora de dar resposta ás persoas que non poden acceder ao sistema de acollida porque está colapsado.
  • Asumir a súa responsabilidade coma garantes dos dereitos das persoas refuxiadas, poñendo recursos á disposición destas e recuperando os fondos destinados á cooperación ao desenvolvemento e atención á poboación de orixe estranxeira.
  • Revisar profundamente a política migratoria e exterior europea, que dilapida os nosos cartos nunha infraestrutura de vixilancia, disuasión, intimidación e violencia.
  • Que actúen sobre os problemas de orixe: adoptando medidas para loitar conta as desigualdades, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe.

Quen somos?


A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas fórmase por persoas a título individual, colectivos e organizacións diversas que xuntámonos para sumar forzas e voces que axuden a parar esta barbarie, denunciar e mudar as políticas vergoñentas e loitar pola defensa dunha vida que mereza a pena ser vivida.

A Rede a día de hoxe, conta con plataformas en: A Coruña, A Guarda, Ferrolterra, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Máis info en: www.rederefuxiadas.org ou @GalRefuxiadas


Que podo facer eu?... Algunhas ideas


Fórmate e informa. Colabora en difundir a realidade que están a vivir as persoas refuxiadas e os motivos desta crise. Podes facer traballo educativo na escola, no tempo libre, na túa casa… pois todas as persoas temos que saber o que está a pasar.

Esixe aos diferentes partidos e administracións que fagan presión para que se atenda e acolla ás persoas refuxiadas e que os teus impostos sirvan para axudalas. Organízate para que se presenten mocións no teu concello e para que a Xunta se posicione.

Infórmate ben sobre as organizacións ás que queres facer doazóns materiais para asegurar que a túa axuda chega a organizacións profesionais, transparentes, con presenza no terreo e capacidades efectivas para prestar unha axuda eficaz. Sempre que sexa posible a axuda debe prestarse aproveitando os recursos locais e rexionais para evitar os custes adicionais (ambientais e financeiros) de facer envíos e para favorecer a economía local e rexional.

Colabora como socia/o, voluntaria/o, activista ou ciberactivista. Apoia campañas de denuncia das actuais políticas migratorias e de asilo; implícate en organizacións especializadas que xa están a traballar en Galicia con persoas refuxiadas ou que agardan ese recoñecemento; ou con calquera organización que traballe en cooperación internacional ou defensa da paz e os dereitos humanos.

Infórmate se está previsto que cheguen persoas refuxiadas ao teu concello. Algúns municipios están a coordinar a acollida con organizacións, e a cidadanía é imprescindible no acompañamento destas persoas.

Fai donativos económicos ás organizacións especializadas que traballan nos países de primeira acollida, de tránsito ou aquí. Moito mellor facerse socia e socio, pois as axudas regulares permiten planificar e organizarse mellor así como xestionar o traballo en función das necesidades detectadas en cada momento.

Recorda: a solidariedade efectiva sempre é de longa duración. As persoas refuxiadas tamén necesitan o noso apoio e a nosa atención cando non son noticia.

Para máis información:

Revisa á web da CGONGD: www.galiciasolidaria.org ou @cgongd
Web da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas: www.rederefuxiadas.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario