martes, 13 de diciembre de 2016

Mércores 14 de decembro - Colóquio “Fronteiras invisíbeis e dereitos sociais” con Manolo Bayona

Este mércores 14 de decembro, ás 19:00h, no Ateneo Ferrolán terá lugar o coloquio "Fronteiras invisibeis e dereitos sociais", enmarcado dentro das actividades que se celebrarán para conmemorar a Semana de Loita Contra as Fronteiras que organizamos dende o Foro Galego de Inmigración, e que este ano terá lugar entre o 14 de o 17 de decembro.



Desta volta, escollemos examinar un dispositivo moito máis sofisticado e invisíbel como son as fronteiras institucionais que impiden o acceso a dereitos básicos, catapultando as persoas migrantes a situacións de vulnerabilidade e exclusión.  Para abordar as fronteiras no acceso a dereitos sociais contaremos coa participación de Manolo S. Bayona, integrante da Coordinación Baladre de Loitas contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión. O obxectivo deste acto será tratar o tema das barreiras no dereito a vivir dignamente e someter a unha análise crítica as rendas municipais e máis concretamente a compostelá Renda de Garantía Social Municipal.

Manolo Sáez Bayona (1954), nado en A Coruña pero desde hai anos en movemento polas estradas do Estado, ás veces cruzando tamén o Atlántico para percorrer terras americanas. Traballador social de título, pero sobre todo persoa inqueda que dende hai máis de trinta anos participa en Baladre, na coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social. Formador, locutor de radio, escritor... pero sobre todo “coidador” de persoas e procesos que desde abaixo pulan por posibilitar a vida en medio do capitalismo. Unha das ferramentas que as baladrinas como Manolo levan no saco para tentar parir outros mundos é a Renda Básica das iguais.

Para saber máis do noso convidado, recomendamos que vexades a entrevista realizada por Galicia Ano Cero, accesible na seguinte URL: https://vimeo.com/130728582

No hay comentarios:

Publicar un comentario